Tuesday 21 de May de 2024

Inés Rey anima á cidadanía a asistir a Riazor o domingo para apoiar o Dépor ABANCA


A alcaldesa participou nun acto do club para promover o seu regreso ao estadio municipal ante o Deportivo Alavés

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá nun acto organizado polo Real Club Deportivo para animar a mocidade a asistir ao encontro entre o Dépor ABANCA e o Deportivo Alavés que se disputará este domingo ás 17.00 horas no estadio municipal de Riazor. Rey celebrou que o equipo feminino regrese ao estadio e destacou o gran traballo do conxunto adestrado por Irene Ferreras, que é líder de Primeira Federación Iberdrola e aspira ao ascenso á máxima categoría.

A rexedora acompañou as xogadoras Cris Martínez e Paula Monteagudo e ao conselleiro Álex Bergantiños ao CEIP Víctor López Seoane, onde repartiron entradas entre o alumnado para o encontro deste domingo. Tamén estivo presente no acto a directora do centro, Carmen Franco. “O Dépor ABANCA conta con todo o noso apoio para xogar máis partidos no estadio municipal e, así, atraer un maior número de persoas”, sinalou Rey.

A iniciativa procura que haxa unha grande asistencia a Riazor nun partido importante para o Dépor ABANCA, que busca afianzarse no liderado. “É unha honra contar cun equipo de fútbol feminino no máis alto da clasificación e, como sempre, desde o Concello brindámoslle todo o noso apoio na busca do ascenso”.